2/2/09

"Así nacen as baleas", os segredos


Así nacen as baleas é unha novela de sentimentos, de silencios e pensamentos agochados no máis profundo da alma. Os seus personaxes están ancorados no pasado dunha historia familiar que levan ás costas coma se fose unha pesada carga que non son capaces de deixar atrás. O lector vai desvelando pouco a pouco os segredos apenas insinuados dende as primeiras páxinas mediante unha linguaxe sinxela pero rica en matices e imaxes sorprendentes para transmitir as sensacións vividas por unha Nena á que lle foi arrebatada a infancia pero que conserva na súa memoria recordos que o lector percibe a través dos seus ollos infantís.
A descrición de obxectos tan cotiáns como un funil transfórmase nun exercicio literario e mesmo parece que poden chegar a cobrar vida nas mans dos dous protagonistas, Ramón e a Nena. Cómpre lermos o libro devagar, saboreando cada palabra e cada metáfora, perdéndonos no relato para logo volver atopar o fío condutor ata chegar a un final aberto a múltiples posibilidades que non dá solucións pero deixa entrever unha certa complicidade só posible cando cadaquén é dono do seu destino.
Sonia García Pérez

No hay comentarios: