19/1/09

Club de lectura de galego

Comentarios da obra Así nacen as baleas, de Anxos Sumai.


Pareceume unha novela sinxela de ler e entender, sen ter un vocabulario rebuscado que fai seguir unha historia familiar, dos nosos días, con interese e con gana de saber como a protagonista resolverá os acontecementos que se lle presentan, mesturados cos recordos da infancia que marcaron a súa personalidade e a relación que ten cos demais personaxes. Principalmente dun, o seu irmán, sobre o que xira toda a historia e sempre está presente.
É a primeira vez que participo aquí e gustoume moito pois ao comenta-la obra cos compañeiros/as, decateime das distintas maneiras que se pode interpretar un mesmo paragrafo, profundar nel e tamén faise moi entretido. Foi un pracer tela lido na escola e comparti-la miña opinión.
Animo a todos/as a participar nos clubs de lectura para poder ve-las cousas dende outros puntos de vista.

Ánxeles Correa Llantada



"Así nacen as baleas" é unha obra que, ao meu entender, é moito máis que unha novela, pois nela atopamos unha morea de sentimentos confusos e, nun principio, incomprensibles para o lector, que, non obstante, acaban entendéndose unha vez lida a obra, pois ao facelo descubrimos unhas vidas cheíñas de feitos que marcan a todos e cada un dos protagonistas.

Persoalmente custoume ler o libro e, se cadra, foi cara ao final cando realmente me dei conta de que é unha historia onde se pode profundar moito máis do que parece. Se quixésemos darlle un enfoque psicolóxico á lectura intentado comprender o porqué dos comportamentos dos protagonistas e, incluso comparar actuacións similares na vida real, tal vez daría moito de que falar.

Marina Rodríguez Campos

No hay comentarios: