10/5/11

Memorias



MEMORIAS DUN NENO LABREGO de Xosé Neira Vilas

Con Memorias dun neno labrego nace a literatura galega para nenos e adolescentes. p. 141

Nós vimos ó mundo cunha alforxa de preguntas p. 20

Un libro que deixa un ronsel de doces sentimentos.
O sentir da impotencia ao ser pequecho, “un ninguén” sen dereito á opinión, cando hai todo un mundo, un universo sen fronteiras por descubrirmos.
Filosofía de vida en estado puro.


Pero para min é milagre todo. Dende as pingueiras da chuvia ata o canto do grilo. p. 36

Horas de “padrenosos” chorosos, de xente amiga que nos viña dar o “pésame”, coas mans entalecidas e a canseira de labra debuxada no rostro. p. 101

Pensei nos desacougos da xente; na teima da súa loita para xuntar diñeiro, mercar terras, pasar fame hoxe con mentes de fartarse mañá, e ó mellor ese mañá non chega, ou sorpréndeos debaixo dos terróns mantendo vermes. P. 103

Tremémoslle á morte porque non sabemos o que haberá detrás dela. Cando chega, séntena máis que ninguén os que desaproveitaron a vida; os que perderon o tempo mirando para os biosbardos. Aqueles que fixeron algo de valemento saben que non morren de todo. p.121

Desacordos coa sociedade, cunhas limitacións e farsas preestablecidas, onde no lugar de premiar ás persoas que pensan e deciden de seu trátase de marxinalas e son miradas con xenreira.


A troula da mascarada, igual que a tristura da coresma, son para vestir por fóra, penso eu. p. 54

Non din que os ditos bíblicos se repiten? Por aquí amósase un profeta!

Dicindo que o máis malo era que fose a mocidade a que se vai, e que ogallá se tratase dunha tolemia de vellos, porque os vellos dan perda, pero vaise a xente que traballa e o país está cheo de vellos e nenos. p. 65


Un canto á amizade coa que todos temos soños e neles queda agochada, ende ben hai algúns privilexiados que gozan dela.

Un amigo é o mellor que hai neste mundo, se o é de certo. Vale máis ter amigos ca ter cartos. O amigo dáche todo e non quere nada; morre por ti se cómpre morrer. p. 106

Doce tenrura nova, agromando á varanda da vida.

Os ollos non se me cansaban de mirala, nin as mans de darlle aloumiños. Cheguei a quererlle máis que a todos os da casa. Para min era coma unha estrela. Unha cousa á que se lle quere moito e non hai maneira de dicirllo. p. 79


Chelo Fontán Carrera

4/5/11

Letras Galegas

Na reunión desta terza feira pasada falamos de Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro. A próxima xuntanza:
  • Martes, 24 de maio,
  • ás 18.00 h,
  • Aula 29 da escola.

Mais antes vémonos no
17 de maio no acto de Queremos Galego na concentración-lectura de poemas de Lois Pereiro e Castelao. O acto comeza ás 13.30 na praza da Princesa, en Vigo. @s que queirades participar na lectura póndevos en contacto cos organizadores a través deste enderezo electrónico: observatorio@amesanl.org

Alí estaremos!


Seguimos a publicar opinións sobre os libros anteriores.

MORNING STAR DE XOSÉ MIRANDA (Edicións Xerais de Galicia)

Novela de bandoleiros e aventuras, con tesouro polo medio á semellanza das de piratas.
Desenvólvese na metade do século XIX, pois nela se fai referencia aos acontecementos histórico-políticos do levantamento revolucionario do xeneral Solís e á posterior matanza de Carral.

Está contada en primeira persoa por Lourenzo Tasende. Nela descríbenos a súa vida chea de traballos, sacrificios e carencias materias e afectivas. Tivo que aprender a facer toda clase de tarefas, menos ir á escola e aprender a ler e escribir; como el mesmo lamenta nun parágrafo.

Axiña se ve enleado nas falcatruadas arrepiantes da gavela de bandoleiros, en que é participe o seu pai.

Despois de cada asalto, Lourenzo reflexiona e pensa que aquilo vai en contra da lei e dos bos principios e soña con cambiar de vida. E así o fará despois de moitas vicisitudes e sufrimentos entre os bandoleiros, e coa axuda da súa namorada de cabelos dourados e os seus devanceiros fidalgos.

A seguir transcribo un parágrafo que ilustra esta reconversión:

Atopei a Helena, o anxo que me salvou do meu propio eu; atopei unha familia, sen a que non sería cousa; atopeime a min mesmo e antes ca nada, atopei o tesouro que me permite ser o que son: aprendín a ler, e por iso podo contalo. Xulgade vós cal dos catro é o máis valioso.

É a primeira novela de bandoleiros que leo e podo dicir que me gustou moito. A súa lectura é moi doada e desenvólvese na nosa Galicia que dá moita proximidade, pois sempre acostuman ser estas temáticas de terras alleas.

Bene Freiría

28/4/11

Nova lectura para maio

Na última sesión (12 de abril) acabamos a lectura e comentario de Memorias dun neno labrego e acordamos traer lida unha parte da seguinte obra:


Álvaro Cunqueiro, Merlín e familia, Ed. Galaxia.

Data: martes 3 de maio

(a partir das 18.00 h na aula 29).


Imos ler até "O camiño de quita e pon" incluído, se vos prouguer.

Seguindo coa publicación de comentarios sobre obras lidas anteriormente, imos agora cun comentario sobre unha das obras que máis gustaron do curso pasado.

María Xosé Queizán, Amor de tango. Edicións Xerais.

Amor de tango é moitas cousas á vez, moitas historias, case que todas truncadas e non por mor da casualidade, senón do horror da guerra e do fascismo, que é o mesmo que dicir o horror da intolerancia, a estupidez e a malicia da xente.
Amor de tango é a historia dunha rapaza, Margarita/Margot, mais tamén a historia da súa familia e as historias das súas amigas Alma e Chelo e mais as das familias delas. E é tamén a historia do Vigo en que viviron, o Vigo dunha determinada burguesía progresista durante os últimos anos da Restauración e a II República.
Amor de tango é, como digo, a historia de moitas vidas truncadas, que comezaban a ser e non puideron (non lles deixaron) seguir sendo, que non puideron chegar a ser aquilo que xa eran dalgún xeito; a historia dun xermolo que non puido agromar. A adolescencia das protagonistas representa en certa maneira a adolescencia dunha sociedade (dunha parte dunha sociedade) que non acadou a mocidade e moito menos a madureza.
Amor de tango é tamén unha historia sentimental de Vigo, do Vigo que viviu e do Vigo no que sentiu Margarita/Margot. Un Vigo en que tamén asistimos a unha xeira de acontecementos históricos de máis ou menos importancia para a cidade: a estadía do rei Alfonso XIII e da súa dona, o paso do Cometa Halley, a creación do Parque de Castrelos, o temporal que esnaquizou o peirao da Laxe, a polémica sobre onde situar o porto (Bouzas ou o Berbés), a actuación da actriz María Guerreiro no Teatro García Barbón co Premio Nobel José Echegaray como espectador de excepción…
Parécenme tamén moi interesantes as observacións da narradora/protagonista sobre a burguesía industrial viguesa da época, á que non dubida en cualificar de “cruel e desapiadada”, e sobre o enriquecemento ilegal de moitos galegos en América grazas ao trafico de brancas e á explotación dos seus propios compatriotas emigrados. O mesmo se pode dicir sobre algúns personaxes históricos como Basilio Álvarez, a quen censura dúas veces -pola súa oposición ao voto feminino e pola súa escolla do Berbés para situar o futuro porto de Vigo-, García Barbón ou Curros Enríquez.
O libro ten dous leit motivs, dous elementos que aboian no ambiente durante a maior parte da historia: un é o horror da guerra e do fascismo, que se presente dende o principio e que acaba estoupando ao final, e o outro, moi distinto, o tango, esa música e ese baile que é o fío condutor da historia de amor de Margarita/Margot e o seu tío Chinto. Porque o da narradora/protagonista foi un amor de tango: mentres o viviu, apaixonado; despois, “como reflexo crepuscular daquel amor (…) Amor perfume, amor música, amor de tango (…) a súa vida collera forma de bandoneón. O seu ánimo abríase e pechábase como o fol”.

Félix Caballero Wangüemert. 15 de abril de 2010

4/4/11

Mao tempo



Toda a noite estivera xeando, e a lama estaba dura nos sulcos das rodas, i a carreteira somellaba de pedra que até se podía trepar nas pozancas que deixaba a chuvia coma si foran de vidro groso, que astra as herbas da cuneta brilaban co carazo coma si tivesen luz por embaixo do terreo, pois aínda non se vía coasi nada.

Polos altos do ceio, que arestora estaban a crarexar amodiño, coma con preguiza, víñanse erguendo unhas nubes empardecidas e víase que ía cambiar o tempo pra tronada.

Afora debruzábase a chuvia, achoada e mesta, e o día puñérase fusquento coma si voltara pra atrás. Cando se abría a porta, entraban os refachos do vento até a cociña esparexendo o fumazo...

A cibdade somellaba asolagada por aquil baleirarse do ceio, sin trégolas, que puña triste o corazón. A chuvia seguía a Deus dala e sentíase a enxurrada baixando dos altos do souto a escacharse descontra os bacelos do hortal e a rolar polos carreiros trocados en regatos.

As casas de pallabarro somellaban ire a derrubarse amolecidas, i os refachos do vento arremuiñado do norde, que viña como pra tempo de neve, esborrifaban no áer os fíos da auga que aínda se desbrocaban no medio da rúa dende as canles das tellas.
(A esmorga, 1959)

Na sesión da pasada terza feira (29 de marzo) acabamos a lectura e comentario de Morning Star e acordamos traer lida a novela de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego para o martes 12 de abril (a partir das 18.00 h na aula 29). Lembrade que xa falamos desta obra na anterior sesión (15 de marzo).

A propósito, o 9 de abril ás 20.30, no Centro Cultural de Caixanova, Cándido Pazó representa as Memoria das memorias dun neno labrego.

24/3/11

Comentarios sobre as últimas lecturas


Denso recendo a salgado de Manuel Portas non me gustou moito, pero hai un personaxe ao que quixera referirme, chamado Xavier, que vive a súa vida sen pensar en nada. El vive o día a día, da maneira que el sente, non pensa no que a xente poida falar del.

Hai unha escena en que Andrés mira pola ventá da súa casa e ve pasar un home. El pensa nesa imaxe para pintala nun cadro; el non recoñece a Xavier. A descrición que fai o autor da escena é:

Velaí vai aquela figura peculiar, paseniño, como un Cristo da paixón, tirando dun inmenso macuto, cun palleirán desmedrado e vello andando a carón da súa perna esquerda.

Eu penso que aquí está descrito Xavier tal como é: unha persoa sinxela.

Hai outra frase interesante, cando o autor fala da relación de parella de Suso e Pilar, a súa esposa:

Os ollos acabaron por perder o interese por verse.

Marta Fernández



A Esmorga é unha historia tráxica que nos mostra unha época de finais do século XIX do máis tristeira e misérrima. A través dos personaxes, o autor móstranos unha sociedade marxinal e, seguindo o fío do monólogo de Cibrán ante o xuíz contando as falcatruadas que fixeran ese día, fainos ver os males daquel momento: a decadencia da fidalguía, as autoridades alleas ao país que non falan nin comprenden a nosa lingua nin a nosa idiosincrasia, os malos tratos da garda civil, a prostitución, a homosexualidade, a miseria, a penuria, etc.
Por outra parte, chamoume a atención a forma de expresarse Cibrán e as reviravoltas que dá para que o xuíz chegue a comprender o porqué dos feitos.
Tamén é importante a climatóloxia no desenvolvemento da novela, pois hai un continuo paralelismo entre a cantidade de líquido que inxiren e a manchea de chuvia, fríaxe, refachos, xeo, lama, etc.
Penso que dalgunha maneira o clima xustifica esa inxesta abafante de alcol que ao final lles trae tan graves consecuencias para eles os tres.
Teño que dicir que é un libro moi fácil de ler e que engaiola a forma de escribir e expresarse de Blanco Amor.
Para rematar vou transcribir un parágrafo dunha reflexión de Cibrán sobre os seus sentimentos en canto á súa noiva a Raxada, que son dunha gran tenrura na súa boca.

Coa Raxada un quédase na quentura do leito e un vaise trocando nun cativiño, acochado descontra o seu seo, que o ten tan ancho e fermoso,como se fora a nai dun, aínda sendo máis moza do que un.

Bene, 12 de marzo de 2011



Na próxima xuntanza (29 de marzo, terza feira, a partir das 18.00) acabaremos de comentar Morning Star.

7/3/11

Comentario a Os ollos de K.


O libro Os ollos de K. gustoume moito porque é unha novela que te ten en suspenso ata o final. Antón Riveiro Coello é un autor que sabe chegar aos seus lectores. Na súa novela describe moi ben a paisaxe da cidade onde se desenvolve a historia. Un pensa que está alí, porque a fai tan real como se nós estivésemos dentro desa historia, un personaxe máis dela. O desenvolvemento da novela está ben feito porque atopamos contos curtos que teñen que ver co argumento central dela, que o protagonista, que é un escritor, ten que entregar no xornal onde escribe.

Hai dous fragmentos que me gustaron dos moitos que teño subliñados:

É unha noite xeada, desapracible, coa mesma néboa de onte subindo do río e fundindo a luminosidade dos globos dos farois, pero para min esta é unha noite diferente porque ardo por dentro, non só polo transporte erótico da súa ollada, senón pola destreza coa que escribín o relato.

Sei, ademais, como o sabe calquera escritor, que escoitar é, de sempre, un estupendo instrumento de literatura, un cicel afiado para extraer dese gran depósito que é a vida, e, á miña carencia de argumentos, hei de engadir agora a necesidade de saber a historia do ollo.


Marta Fernández

23/2/11

Club de lectura


Club de lectura

Xorden das follas cubertas
os caracteres de nós
pólos ao airear do vento
é nada a comunicación.

Enchemos as gorxas de letras
os corazóns de calor
os sisos de pensamentos
as linguas de intencións.

É un intre de gozo
un anaco de ilusión
unha pegada no tempo
un agasallo á razón.

Chelo Fontán


Próxima lectura: Morning Star de Xosé Miranda. Até a páxina 135.
Día e hora: 15 de marzo a partir das 18.00 h.
Lugar: aula 29 da EOI



15/2/11

Volve o blog

Ola a tod@s!!

Despois dunha boa temporada co blog sen actualizar, comezamos na metade do curso a actualizalo. Hoxe é o 14 de febreiro de 2011: Un día como outro calquera. Disque día dos namorados. Mais coidamos que para os namorad@s non hai un día só. Ten que ser, é, os 365 días do ano por xunto. Nós, -eu- neste día proclamamos –proclamo- o noso apaixonamento pola diversidade, pola variedade, pola igualdade de todas as paisaxes, culturas e pobos, da natureza, das persoas. Das linguas. Apaixonad@s por todas e apaixonad@s pola nosa, que é a dos nosos. Que tamén está no mundo. Apaixonad@s polo galego todos os días do ano. Eis o noso día dos namorados. Eis –con Castelao- a nosa declaración, e queremos que figure na portada desta nova etapa:

“Ningún idioma alleo –por ilustre que sexa- poderá expresar en nome do noso os íntimos sentimentos, as fondas dores e as perdurables esperanzas do pobo galego; se aínda somos diferentes e capaces de existir, non é máis que por obra e graza do idioma” (Castelao)


Ben, comezamos a pórvos ao corrente das actividades do noso club de lectura. A intención é tamén volver sobre obras xa lidas. Agardamos contar coa vosa colaboración.


Na xuntanza desta terza feira pasada (8 de febreiro) acabamos de comentar a novela de Manuel Portas "Denso recendo a salgado". Na seguinte ocasión e por acordo de tod@s imos facer, por segunda vez, a lectura dunha obra que podemos denominar "clásica", (como no caso do ano pasado con Cantares gallegos). Trátase d'A esmorga, de Eduardo Blanco Amor.

Quen quixer pode ler esta xurdia novela na última edición de Galaxia que, como xa sabemos, recupera pequenos anacos que foran censurados.

A data para levarmos lida A Esmorga é o 22 de febreiro (terza feira ou martes) ás 18.00 horas na aula 29.

Por outra banda, non vos esquezades de escribir algún comentario sobre calquera aspecto da novela de Portas. Pode valer tamén algún anaco do texto de que gustastes especialmente. Ou outras cousas que se vos/nos ocorran. Porémolas no blog.

Isto último tamén vale para a novela de Ribeiro Coello.

Cumprimentos para tod@s e avante, Club de lectura!!
, avante lingua galega!!