Mostrando entradas con la etiqueta Galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galego. Mostrar todas las entradas

9/10/13

Primeira lectura



Club de lectura 5.1.


Imos ler:  

Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz    





Día: mércores 16 de outubro
Lugar: aula 35
Hora: 18.00

Levaremos lidas as 100 primeiras páxinas.

4/10/13

Club de Lectura 5.1 Curso 2013-2014



Club de Lectura 5.1



Convocatoria da 1ª reunión deste ano lectivo


Data: mércores, 2 de outubro
Hora: 18.00
Lugar: cafetaría desta EOI

Asuntos:
  •          Acordo das primeiras lecturas
  •          Día e hora das reunións (normalmente) quincenais
Está aberto a todo o alumnado e persoal do centro. Anímate a participar!

10/5/11

Memorias



MEMORIAS DUN NENO LABREGO de Xosé Neira Vilas

Con Memorias dun neno labrego nace a literatura galega para nenos e adolescentes. p. 141

Nós vimos ó mundo cunha alforxa de preguntas p. 20

Un libro que deixa un ronsel de doces sentimentos.
O sentir da impotencia ao ser pequecho, “un ninguén” sen dereito á opinión, cando hai todo un mundo, un universo sen fronteiras por descubrirmos.
Filosofía de vida en estado puro.


Pero para min é milagre todo. Dende as pingueiras da chuvia ata o canto do grilo. p. 36

Horas de “padrenosos” chorosos, de xente amiga que nos viña dar o “pésame”, coas mans entalecidas e a canseira de labra debuxada no rostro. p. 101

Pensei nos desacougos da xente; na teima da súa loita para xuntar diñeiro, mercar terras, pasar fame hoxe con mentes de fartarse mañá, e ó mellor ese mañá non chega, ou sorpréndeos debaixo dos terróns mantendo vermes. P. 103

Tremémoslle á morte porque non sabemos o que haberá detrás dela. Cando chega, séntena máis que ninguén os que desaproveitaron a vida; os que perderon o tempo mirando para os biosbardos. Aqueles que fixeron algo de valemento saben que non morren de todo. p.121

Desacordos coa sociedade, cunhas limitacións e farsas preestablecidas, onde no lugar de premiar ás persoas que pensan e deciden de seu trátase de marxinalas e son miradas con xenreira.


A troula da mascarada, igual que a tristura da coresma, son para vestir por fóra, penso eu. p. 54

Non din que os ditos bíblicos se repiten? Por aquí amósase un profeta!

Dicindo que o máis malo era que fose a mocidade a que se vai, e que ogallá se tratase dunha tolemia de vellos, porque os vellos dan perda, pero vaise a xente que traballa e o país está cheo de vellos e nenos. p. 65


Un canto á amizade coa que todos temos soños e neles queda agochada, ende ben hai algúns privilexiados que gozan dela.

Un amigo é o mellor que hai neste mundo, se o é de certo. Vale máis ter amigos ca ter cartos. O amigo dáche todo e non quere nada; morre por ti se cómpre morrer. p. 106

Doce tenrura nova, agromando á varanda da vida.

Os ollos non se me cansaban de mirala, nin as mans de darlle aloumiños. Cheguei a quererlle máis que a todos os da casa. Para min era coma unha estrela. Unha cousa á que se lle quere moito e non hai maneira de dicirllo. p. 79


Chelo Fontán Carrera

4/5/11

Letras Galegas

Na reunión desta terza feira pasada falamos de Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro. A próxima xuntanza:
  • Martes, 24 de maio,
  • ás 18.00 h,
  • Aula 29 da escola.

Mais antes vémonos no
17 de maio no acto de Queremos Galego na concentración-lectura de poemas de Lois Pereiro e Castelao. O acto comeza ás 13.30 na praza da Princesa, en Vigo. @s que queirades participar na lectura póndevos en contacto cos organizadores a través deste enderezo electrónico: observatorio@amesanl.org

Alí estaremos!


Seguimos a publicar opinións sobre os libros anteriores.

MORNING STAR DE XOSÉ MIRANDA (Edicións Xerais de Galicia)

Novela de bandoleiros e aventuras, con tesouro polo medio á semellanza das de piratas.
Desenvólvese na metade do século XIX, pois nela se fai referencia aos acontecementos histórico-políticos do levantamento revolucionario do xeneral Solís e á posterior matanza de Carral.

Está contada en primeira persoa por Lourenzo Tasende. Nela descríbenos a súa vida chea de traballos, sacrificios e carencias materias e afectivas. Tivo que aprender a facer toda clase de tarefas, menos ir á escola e aprender a ler e escribir; como el mesmo lamenta nun parágrafo.

Axiña se ve enleado nas falcatruadas arrepiantes da gavela de bandoleiros, en que é participe o seu pai.

Despois de cada asalto, Lourenzo reflexiona e pensa que aquilo vai en contra da lei e dos bos principios e soña con cambiar de vida. E así o fará despois de moitas vicisitudes e sufrimentos entre os bandoleiros, e coa axuda da súa namorada de cabelos dourados e os seus devanceiros fidalgos.

A seguir transcribo un parágrafo que ilustra esta reconversión:

Atopei a Helena, o anxo que me salvou do meu propio eu; atopei unha familia, sen a que non sería cousa; atopeime a min mesmo e antes ca nada, atopei o tesouro que me permite ser o que son: aprendín a ler, e por iso podo contalo. Xulgade vós cal dos catro é o máis valioso.

É a primeira novela de bandoleiros que leo e podo dicir que me gustou moito. A súa lectura é moi doada e desenvólvese na nosa Galicia que dá moita proximidade, pois sempre acostuman ser estas temáticas de terras alleas.

Bene Freiría

28/4/11

Nova lectura para maio

Na última sesión (12 de abril) acabamos a lectura e comentario de Memorias dun neno labrego e acordamos traer lida unha parte da seguinte obra:


Álvaro Cunqueiro, Merlín e familia, Ed. Galaxia.

Data: martes 3 de maio

(a partir das 18.00 h na aula 29).


Imos ler até "O camiño de quita e pon" incluído, se vos prouguer.

Seguindo coa publicación de comentarios sobre obras lidas anteriormente, imos agora cun comentario sobre unha das obras que máis gustaron do curso pasado.

María Xosé Queizán, Amor de tango. Edicións Xerais.

Amor de tango é moitas cousas á vez, moitas historias, case que todas truncadas e non por mor da casualidade, senón do horror da guerra e do fascismo, que é o mesmo que dicir o horror da intolerancia, a estupidez e a malicia da xente.
Amor de tango é a historia dunha rapaza, Margarita/Margot, mais tamén a historia da súa familia e as historias das súas amigas Alma e Chelo e mais as das familias delas. E é tamén a historia do Vigo en que viviron, o Vigo dunha determinada burguesía progresista durante os últimos anos da Restauración e a II República.
Amor de tango é, como digo, a historia de moitas vidas truncadas, que comezaban a ser e non puideron (non lles deixaron) seguir sendo, que non puideron chegar a ser aquilo que xa eran dalgún xeito; a historia dun xermolo que non puido agromar. A adolescencia das protagonistas representa en certa maneira a adolescencia dunha sociedade (dunha parte dunha sociedade) que non acadou a mocidade e moito menos a madureza.
Amor de tango é tamén unha historia sentimental de Vigo, do Vigo que viviu e do Vigo no que sentiu Margarita/Margot. Un Vigo en que tamén asistimos a unha xeira de acontecementos históricos de máis ou menos importancia para a cidade: a estadía do rei Alfonso XIII e da súa dona, o paso do Cometa Halley, a creación do Parque de Castrelos, o temporal que esnaquizou o peirao da Laxe, a polémica sobre onde situar o porto (Bouzas ou o Berbés), a actuación da actriz María Guerreiro no Teatro García Barbón co Premio Nobel José Echegaray como espectador de excepción…
Parécenme tamén moi interesantes as observacións da narradora/protagonista sobre a burguesía industrial viguesa da época, á que non dubida en cualificar de “cruel e desapiadada”, e sobre o enriquecemento ilegal de moitos galegos en América grazas ao trafico de brancas e á explotación dos seus propios compatriotas emigrados. O mesmo se pode dicir sobre algúns personaxes históricos como Basilio Álvarez, a quen censura dúas veces -pola súa oposición ao voto feminino e pola súa escolla do Berbés para situar o futuro porto de Vigo-, García Barbón ou Curros Enríquez.
O libro ten dous leit motivs, dous elementos que aboian no ambiente durante a maior parte da historia: un é o horror da guerra e do fascismo, que se presente dende o principio e que acaba estoupando ao final, e o outro, moi distinto, o tango, esa música e ese baile que é o fío condutor da historia de amor de Margarita/Margot e o seu tío Chinto. Porque o da narradora/protagonista foi un amor de tango: mentres o viviu, apaixonado; despois, “como reflexo crepuscular daquel amor (…) Amor perfume, amor música, amor de tango (…) a súa vida collera forma de bandoneón. O seu ánimo abríase e pechábase como o fol”.

Félix Caballero Wangüemert. 15 de abril de 2010

4/4/11

Mao tempo



Toda a noite estivera xeando, e a lama estaba dura nos sulcos das rodas, i a carreteira somellaba de pedra que até se podía trepar nas pozancas que deixaba a chuvia coma si foran de vidro groso, que astra as herbas da cuneta brilaban co carazo coma si tivesen luz por embaixo do terreo, pois aínda non se vía coasi nada.

Polos altos do ceio, que arestora estaban a crarexar amodiño, coma con preguiza, víñanse erguendo unhas nubes empardecidas e víase que ía cambiar o tempo pra tronada.

Afora debruzábase a chuvia, achoada e mesta, e o día puñérase fusquento coma si voltara pra atrás. Cando se abría a porta, entraban os refachos do vento até a cociña esparexendo o fumazo...

A cibdade somellaba asolagada por aquil baleirarse do ceio, sin trégolas, que puña triste o corazón. A chuvia seguía a Deus dala e sentíase a enxurrada baixando dos altos do souto a escacharse descontra os bacelos do hortal e a rolar polos carreiros trocados en regatos.

As casas de pallabarro somellaban ire a derrubarse amolecidas, i os refachos do vento arremuiñado do norde, que viña como pra tempo de neve, esborrifaban no áer os fíos da auga que aínda se desbrocaban no medio da rúa dende as canles das tellas.
(A esmorga, 1959)

Na sesión da pasada terza feira (29 de marzo) acabamos a lectura e comentario de Morning Star e acordamos traer lida a novela de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego para o martes 12 de abril (a partir das 18.00 h na aula 29). Lembrade que xa falamos desta obra na anterior sesión (15 de marzo).

A propósito, o 9 de abril ás 20.30, no Centro Cultural de Caixanova, Cándido Pazó representa as Memoria das memorias dun neno labrego.

24/3/11

Comentarios sobre as últimas lecturas


Denso recendo a salgado de Manuel Portas non me gustou moito, pero hai un personaxe ao que quixera referirme, chamado Xavier, que vive a súa vida sen pensar en nada. El vive o día a día, da maneira que el sente, non pensa no que a xente poida falar del.

Hai unha escena en que Andrés mira pola ventá da súa casa e ve pasar un home. El pensa nesa imaxe para pintala nun cadro; el non recoñece a Xavier. A descrición que fai o autor da escena é:

Velaí vai aquela figura peculiar, paseniño, como un Cristo da paixón, tirando dun inmenso macuto, cun palleirán desmedrado e vello andando a carón da súa perna esquerda.

Eu penso que aquí está descrito Xavier tal como é: unha persoa sinxela.

Hai outra frase interesante, cando o autor fala da relación de parella de Suso e Pilar, a súa esposa:

Os ollos acabaron por perder o interese por verse.

Marta Fernández



A Esmorga é unha historia tráxica que nos mostra unha época de finais do século XIX do máis tristeira e misérrima. A través dos personaxes, o autor móstranos unha sociedade marxinal e, seguindo o fío do monólogo de Cibrán ante o xuíz contando as falcatruadas que fixeran ese día, fainos ver os males daquel momento: a decadencia da fidalguía, as autoridades alleas ao país que non falan nin comprenden a nosa lingua nin a nosa idiosincrasia, os malos tratos da garda civil, a prostitución, a homosexualidade, a miseria, a penuria, etc.
Por outra parte, chamoume a atención a forma de expresarse Cibrán e as reviravoltas que dá para que o xuíz chegue a comprender o porqué dos feitos.
Tamén é importante a climatóloxia no desenvolvemento da novela, pois hai un continuo paralelismo entre a cantidade de líquido que inxiren e a manchea de chuvia, fríaxe, refachos, xeo, lama, etc.
Penso que dalgunha maneira o clima xustifica esa inxesta abafante de alcol que ao final lles trae tan graves consecuencias para eles os tres.
Teño que dicir que é un libro moi fácil de ler e que engaiola a forma de escribir e expresarse de Blanco Amor.
Para rematar vou transcribir un parágrafo dunha reflexión de Cibrán sobre os seus sentimentos en canto á súa noiva a Raxada, que son dunha gran tenrura na súa boca.

Coa Raxada un quédase na quentura do leito e un vaise trocando nun cativiño, acochado descontra o seu seo, que o ten tan ancho e fermoso,como se fora a nai dun, aínda sendo máis moza do que un.

Bene, 12 de marzo de 2011



Na próxima xuntanza (29 de marzo, terza feira, a partir das 18.00) acabaremos de comentar Morning Star.

7/3/11

Comentario a Os ollos de K.


O libro Os ollos de K. gustoume moito porque é unha novela que te ten en suspenso ata o final. Antón Riveiro Coello é un autor que sabe chegar aos seus lectores. Na súa novela describe moi ben a paisaxe da cidade onde se desenvolve a historia. Un pensa que está alí, porque a fai tan real como se nós estivésemos dentro desa historia, un personaxe máis dela. O desenvolvemento da novela está ben feito porque atopamos contos curtos que teñen que ver co argumento central dela, que o protagonista, que é un escritor, ten que entregar no xornal onde escribe.

Hai dous fragmentos que me gustaron dos moitos que teño subliñados:

É unha noite xeada, desapracible, coa mesma néboa de onte subindo do río e fundindo a luminosidade dos globos dos farois, pero para min esta é unha noite diferente porque ardo por dentro, non só polo transporte erótico da súa ollada, senón pola destreza coa que escribín o relato.

Sei, ademais, como o sabe calquera escritor, que escoitar é, de sempre, un estupendo instrumento de literatura, un cicel afiado para extraer dese gran depósito que é a vida, e, á miña carencia de argumentos, hei de engadir agora a necesidade de saber a historia do ollo.


Marta Fernández

23/2/11

Club de lectura


Club de lectura

Xorden das follas cubertas
os caracteres de nós
pólos ao airear do vento
é nada a comunicación.

Enchemos as gorxas de letras
os corazóns de calor
os sisos de pensamentos
as linguas de intencións.

É un intre de gozo
un anaco de ilusión
unha pegada no tempo
un agasallo á razón.

Chelo Fontán


Próxima lectura: Morning Star de Xosé Miranda. Até a páxina 135.
Día e hora: 15 de marzo a partir das 18.00 h.
Lugar: aula 29 da EOI



15/2/11

Volve o blog

Ola a tod@s!!

Despois dunha boa temporada co blog sen actualizar, comezamos na metade do curso a actualizalo. Hoxe é o 14 de febreiro de 2011: Un día como outro calquera. Disque día dos namorados. Mais coidamos que para os namorad@s non hai un día só. Ten que ser, é, os 365 días do ano por xunto. Nós, -eu- neste día proclamamos –proclamo- o noso apaixonamento pola diversidade, pola variedade, pola igualdade de todas as paisaxes, culturas e pobos, da natureza, das persoas. Das linguas. Apaixonad@s por todas e apaixonad@s pola nosa, que é a dos nosos. Que tamén está no mundo. Apaixonad@s polo galego todos os días do ano. Eis o noso día dos namorados. Eis –con Castelao- a nosa declaración, e queremos que figure na portada desta nova etapa:

“Ningún idioma alleo –por ilustre que sexa- poderá expresar en nome do noso os íntimos sentimentos, as fondas dores e as perdurables esperanzas do pobo galego; se aínda somos diferentes e capaces de existir, non é máis que por obra e graza do idioma” (Castelao)


Ben, comezamos a pórvos ao corrente das actividades do noso club de lectura. A intención é tamén volver sobre obras xa lidas. Agardamos contar coa vosa colaboración.


Na xuntanza desta terza feira pasada (8 de febreiro) acabamos de comentar a novela de Manuel Portas "Denso recendo a salgado". Na seguinte ocasión e por acordo de tod@s imos facer, por segunda vez, a lectura dunha obra que podemos denominar "clásica", (como no caso do ano pasado con Cantares gallegos). Trátase d'A esmorga, de Eduardo Blanco Amor.

Quen quixer pode ler esta xurdia novela na última edición de Galaxia que, como xa sabemos, recupera pequenos anacos que foran censurados.

A data para levarmos lida A Esmorga é o 22 de febreiro (terza feira ou martes) ás 18.00 horas na aula 29.

Por outra banda, non vos esquezades de escribir algún comentario sobre calquera aspecto da novela de Portas. Pode valer tamén algún anaco do texto de que gustastes especialmente. Ou outras cousas que se vos/nos ocorran. Porémolas no blog.

Isto último tamén vale para a novela de Ribeiro Coello.

Cumprimentos para tod@s e avante, Club de lectura!!
, avante lingua galega!!

8/4/10

Conferencia de María Xosé Queizán




O Club de lectura e o Departamento de galego da Escola Oficial de Idiomas de Vigo convídanvos á conferencia-coloquio que nos ofrece María Xosé Queizán esta próxima segunga feira (12 de abril de 2010).


O título da conferencia é o seguinte:
Conversa arredor de Amor de tango e do Vigo da primeira metade do século XX


Como de costume o acto terá lugar na nosa Aula Magna a partir das 20.00 horas.


Agardámosvos a tod@s. Estamos certos de que ides gostar.


Até logo, entón

27/3/10

Carlos Casares, O sol do verán

Ola, amigas do club de lectura:

Na reunión do mércores pasado acordamos ler a novela de Carlos Casares titulada O sol do verán (Galaxia). Tamén quedamos en ir preparando A fiestra baldeira de Rafael Dieste (Ediciós do Castro) para ler máis para adiante nalgunha sesión entre todos.

A próxima xuntanza será o mércores 14 de abril ás 18.00 h, trataremos de levar lidas até a páxina 138.

Vémonos o 12 de abril na conferencia-coloquio con María Xosé Queizán.

Saúdos

Moncho

3/3/10

galego lendo a Rosaía e Queizán


Na última sesión de comentarios conversamos sobre algúns dos 24 primeiros poemas de Cantares Gallegos e marcamos a próxima xuntanza para o mércores 10 de marzo ás 18.00 h.

Desta feita levaremos lido até o poema 31.

Como novidade temos a confirmación de que teremos a conferencia-coloquio con María Xosé Queizán o 12 de abril (luns) ás 20.00 h. Ide por tanto preparando preguntas para lle facer. O título da palestra é “Conversa arredor de Amor de tango e do Vigo da 1ª metade do século XX”.

Chovía se Dios ten auga, / ventaba en tódolos ventos, / e ensarrapicada toda / a camiñar non me atrevo (R. C.)

Os mares e os ceos, xuntos, asolagando o mundo. Un universo á deriva. (M. X. Q.)

Lembrade: para maio estará connosco Anxo Angueira, un dos maiores especialistas na obra de Rosalía, e de por parte visitaremos con el algúns dos lugares onde viviu a nosa poeta.

4/2/10

Novas do Club de Lectura de Galego

Na terza feira pasada (2 de febreiro) acabamos a lectura e comentario de Amor de tango de María Xosé Queizán, de que gostamos moito.

Estamos á espera de recibir os vosos comentarios sobre esta novela que rescata a memoria da nosa cidade, a memoria de tempos de grandes esperanzas, esa historia tantas veces esquecida, a loita polos dereitos das persoas e polos dereitos das mulleres. Coñecemos nela feitos que nin imaxinabamos e recomendamos vivamente a súa lectura a todos á espera de podermos conversar coa autora en datas próximas.



Ímonos agora centrar en Cantares Gallegos de Rosalía Castro. Xa falamos o 19 de xaneiro pasado do prólogo e do poema máis antigo: Adiós ríos, adiós fontes. Para a próxima xuntanza (mércores 14 de febreiro de 2010) traeremos lidos os primeiros 24 poemas. E, xaora, a darlle á lingua.

Pasan naquesta vida

cousiñas tan estrañas,

tan raros feitos vense

neste mundo de trampa;

tantos milagres vellos,

tan novas ensinanzas,

e tan revoltos allos

con nome de ensaladas,

que non che digo nada...

Pero vaia!

Lembrade que mudamos o día de reunión.
Vémonos o día 23 de febreiro, mércores. Deica logo!

21/12/09

Club de lectura en galego


Este pasado 15 de decembro acabamos a lectura e comentario de Lúa do Senegal e acordamos que o seguinte faladoiro será o martes 19 de xaneiro de 2010 ás 18.00 h. O lugar, como de costume é a Cafetaría da EOI de Vigo.

Para este novo ano iniciamos unha segunda liña de lecturas. Á parte, entón, da lectura de autores actuais teremos esta segunda liña que consiste en irmos lendo obras da nosa literatura doutras épocas.

Por tanto, as seguintes lecturas van ser:

a) Amor de tango de María Xosé Queizán (Xerais)

Conseguide, se podedes, a última edición, xa que foi revisada e mellorada no aspecto lingüístico.

Para esta próxima tertulia traeremos lido até a páxina 60. (ollo, pola edición do 2007). Son as 3 primeiras partes. Até onde di: “o home por excelencia era o seu pai”.


b) Dentro do obxectivo do coñecemento da nosa historia literaria, qué mellor que comezar co primeiro título importante da nosa literatura: Cantares Gallegos (1863).

Este libro de Rosalía de Castro supón entre outras moitas cousas, o nacemento da nosa literatura moderna. Hai nel unha reivindicación da nosa terra, da nosa lingua e do noso pobo, e, nomeadamente, das súas camadas populares.

As edicións recomendadas por Anxo Angueira son:

A de Galaxia, feita por María Xesús Lama
A de Xerais, feita por Xavier R. Baixeras.


Para esta vindeira tertulia ordenamos de ler o prólogo e o poema que comeza “Adiós ríos, adiós fontes” de Cantares Gallegos.

Centrarémonos só nalgúns poemas deica o final do curso, mais quen quixer ler o poemario enteiro, mellor, e esa é a nosa recomendación.

A previsión é que en maio teñamos unha conferencia-coloquio de Anxo Angueira, un recital poético (do alumnado) e unha excursión a algúns dos lugares onde viviu Rosalía. Agardamos a participación de todo o alumnado.


Agora pode ser un bo momento para vos sumardes ao noso club de lectura
e para participardes nel.


Un bo ano 2010 para tod@s!!!

20/12/09

club de lectura en galego

A luz inúndao todo, e no soño rodéanme as cores máis intensas: os verdes das plantas e das árbores, a cor laranxa da terra, os milleiros de grúas brancas voando por riba dos arrozais, os flamboiáns da rúa que baixa ata o río, ateigados sempre de tantas flores vermellas que parecen formar unha ringleira de lumes suspendidos no medio do ceo.

***

Pola tardiña, cando o ceo se tingue de intensísima cor vermella antes de marchar o sol, é tanta a algarabía que case non se pode falar co estrondo que fan.

***

Fáltanos case todo, este parece o país das ausencias.

***

O que mellor facía a avoa era contar historias [...] Ela dicíame que as aprendera mentres vivira en Kedougou, onde todas as tardes se achegaba á Árbore das Palabras para escoitar as persoas maiores que se reunían á sombra e pasaban o tempo debullando un conto detrás doutro.

***

Empezo a entender que quizais non era só a avoa quen contaba as historias, senón que as historias se servían dela para chegar ata min desde o lugar de lonxe onde algún día naceron.

***

E o caso foi que o camaleón entretívose de máis polo camiño, e medio se lle esqueceu a encarga que lle fixeran.

***

Se cadra foi mellor para ela, porque os primeiros anos resultaron duros e tristes, aínda que Khoedi non teña memoria de que o pasasen tan mal como súa nai lle ten contado.
***

Nese momento comprendín de verdade o que significaba abandonar o Senegal.

***

Como me alegrou ver que as nenas me recibiron con cara alegre, chamándome polo meu nome.

***

Imaxinei que a nosa casa era como unha desas illas pequenas que se forman no delta do río Casamance, unha illa que viaxara connosco ata varar na costa destoutro mar de aquí.

***

Esa noite aprendeu que cada unha daquelas viaxes gardaba no seu interior unha historia amarga e dolorosa.

***

Khoedi parou de cantar e pechou os ollos, deixándose levar polo ritmo alegre da música. Naqueles momentos sentía que a súa casa era un anaco do Senegal, como unha illa pequena ou un barco navegando por mares que non veñen nos mapas.

***

Non sei explicalo ben. É coma se tivese unha caixa con fíos para tecer historias [...] Mesturas varios fíos e sáeche un conto que se parece a outros, pero que é distinto.

***


Non é o mesmo dicir garap ca dicir árbore. Cando pronuncio garap véñenme á cabeza os grosos baobabs, as ceibas inmensas, os coqueiros, os flamboiáns que parecen arder no aire.

***

“Tes que ser coma o baobab”, díxome Mareime cando lle falei dos meus medos. “Na temporada das choivas acumula grandes cantidades de auga no seu tronco, e así pode resistir logo as sequías máis longas; por moitos meses que duren, sempre volve florecer cando regresan as chuvias”.

***

Un rato rillando nos adentros, se cadra porque non hai nada peor que a espera e o non saber.

***

Sentín que iso era o que eu quería facer, contar historias tan cheas de vida como aquela, historias que espertan dentro de nós máis ganas de vivir.


25/11/09

Club de lectura de galego



Na terceira tertulia deste ano 2009-2010 conversamos sobre LDS e esbozamos futuros proxectos de que xa informaremos.
De momento ordenamos de ler Lúa do Senegal até o final.
A xuntanza próxima será o martes 15 de decembro ás 18.00 h, como de costume na cafetaría da escola.
Enviádenos comentarios e/ou fragmentos.

Deica logo

13/11/09

Club de lectura en galego




No faladoiro desta pasada terza feira (día 10 do mes de san Martiño), cunha boa asistencia, conversamos sobre os catro primeiros capítulos de Lúa do Senegal.

A seguinte reunión será na próxima terza feira (martes 24) do mes en curso.

Levaremos lidos do 5º ao 10º capítulo (ambos incluídos).



Lembrade: na cafetaría da escola ás 18.00 h



Deica!

(paisaxe de Ziguinchor, Senegal)

5/11/09

Club de lectura de galego



Estamos a ler:

Agustín Fernández Paz, Lúa do Senegal,

o novo libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Marina Seoane. Esta é a primeira novela publicada por Fernández Paz, tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil.

Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa de Casamence, unha rexión ao sur do Senegal, para instalarse en Vigo, a cidade onde o seu pai xa leva varios anos emigrado.

Póxima reunión:

Data: martes, 10 de novembro
Lugar: cafetaría da escola de idiomas.
Hora: 18.00 h

Falaremos sobre a lectura dos catro primeiros capítulos.

Máis información des críticas sobre a novela:

3/11/09

Ola a tod@s

Na primeira reunión do club de lectura ordenamos de ler o libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia).

Tamén decidimos que o día das xuntanzas será os martes (cada 15 días). Esta decisión pódese revisar. @s que prefirades outro día comunicádenolo.

Volverémonos a reunir o día 10 de novembro (martes) ás 18.00 na cafetaría da escola. Hai que levar lidas, se se pode, até a páxina 53, ou sexa, os catro primeiros capítulos. Tende en conta que ten bastantes ilustracións.

Trataremos de traer o autor para que nos fale do libro. Será cando xa estea lido o libro.

Saúdos a tod@s