5/11/09

Club de lectura de galego



Estamos a ler:

Agustín Fernández Paz, Lúa do Senegal,

o novo libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Marina Seoane. Esta é a primeira novela publicada por Fernández Paz, tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil.

Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa de Casamence, unha rexión ao sur do Senegal, para instalarse en Vigo, a cidade onde o seu pai xa leva varios anos emigrado.

Póxima reunión:

Data: martes, 10 de novembro
Lugar: cafetaría da escola de idiomas.
Hora: 18.00 h

Falaremos sobre a lectura dos catro primeiros capítulos.

Máis información des críticas sobre a novela:

3/11/09

Ola a tod@s

Na primeira reunión do club de lectura ordenamos de ler o libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia).

Tamén decidimos que o día das xuntanzas será os martes (cada 15 días). Esta decisión pódese revisar. @s que prefirades outro día comunicádenolo.

Volverémonos a reunir o día 10 de novembro (martes) ás 18.00 na cafetaría da escola. Hai que levar lidas, se se pode, até a páxina 53, ou sexa, os catro primeiros capítulos. Tende en conta que ten bastantes ilustracións.

Trataremos de traer o autor para que nos fale do libro. Será cando xa estea lido o libro.

Saúdos a tod@s

23/10/09

Primeira xuntanza do curso 2009-2010


Ola a todos, amigas e amigos,

este xoves, 29 de outubro, imos ter a primeira reunión (do ano 2009-2010) do club de lectura.

Trataremos os seguintes asuntos:

Establecemento do día (ou días) e hora da tertulia.
Escolla do 1º libro que imos ler.
Funcionamento do grupo ou grupos.
Outras posibles propostas.

Acudide os que esteades interesados. Podedes facer as vosas propostas en calquera dos aspectos.

Lémbrovos que no Club poden participar alumn@s, profesor@s e persoal do centro.

DÍA: xoves 29 de outubro
HORA: ás 18.00
LUGAR: cafetaría da escola de Idiomas.

8/6/09

Club de galego - "Ollos de auga"


É unha novela moi doada de ler, utiliza unhas expresións intelixentes mais non rebuscadas.

A historia vaite levando aos adentros nas indagacións feitas pola policía. representada por unhas personaxes cando menos orixinais 'cada un da súa nai'.

Xa ao comezo, debullei no meu maxín as posibilidades do porqué dun asasinato dese xeito. O primeiro que chegou á miña mente foi que tiña que ser por unha xenreira moi fonda, non era un asasinato, era unha vinganza.

Sería unha muller?, ¿o home coa súa condición sexual estaría a xogar cos sentimentos dunha tola que non puido engulir que 'aquilo' fose flor e tinteiro?, e nun arrouto de loucura, ¿argallou aquel sen sentido para acada-la morte de alguén?

O interesante é como comezan a xurdi-las certezas preñadas de dúbidas de ¿quén foi?

Como fío condutor da novela está o noso ser, o noso xeito de ve-la vida, a nosa retranca, a maxia que nos fai peculiares como galegos.

Moitas grazas polos anacos de entretemento e, xaora, polos anacos de incerteza.

De volta grazas, Leo, vémonos na 'Praia dos afogados'.

Abur.

Chelo Fontán Carrera

Vigo,12 de maio de 2009

27/4/09

Club de Galego


Ola a todas, amigas

Na última xuntanza (20 de abril) acordamos volver a reunirnos:

Luns, 11 de maio
a partir das
17.15 h.
pazo de Rivera Atienza, ao lado da Escola de Idiomas.

Falaremos sobre “Ollos de auga” de Domingo Villar. Quedamos en traer lido todo o libro.

Agardemos que vaia un bo día e poidamos estar de novo na solaina.

Lembrámosvos que Domingo Villar acaba de dar ao prelo a continuación da súa novela Ollos de auga. Esta segunda entrega, coas aventuras de Leo Caldas, titúlase A praia dos afogados.

Aquí tendes tamén unha pequena entrevista que lle fan ao o autor na revista web Vieiros.

Saúdos

M.

8/4/09

Club de lectura de galego



Como vos vai, amigas e amigos?

Na xuntanza do 30 de marzo comezamos a falar de "Ollos de auga", de Domingos Villar, e acordamos volver a reunirnos novamente

Luns 20 de abril a partir das 17.15.

OLLO, esta vez será no "pazo" de Ribeira Atienza, ao lado da Escola de Idiomas. Agardemos que vaia un día solleiro e poidamos estar na solaina e gozar do lugar.

Hai que traer lido polo menos até a páxina 112.

Saúdos

M.

27/3/09

Novo libro para galego

Ola a tod@s, amigas e amigos:

O luns pasado acabamos coa lectura e comentario d'O paso do noroeste e aceptamos a proposta de Chelo de ler a novela "Ollos de auga" de Domingo Villar.

A primeira tertulia para falar deste novo libro vai ser o luns 30 de marzo (até a páxina 57, se podedes)

Á parte diso podedes facer comentarios do libro anterior ou dar a vosa opinión para o blog. Mandádemos ao meu correo ou dádemos en persoa a min.

Ánimo, agora pode ser o momento de (re)incorporarvos ás tertulias os que non o fixestes


Até logo, entón

M.