21/12/09

Club de lectura en galego


Este pasado 15 de decembro acabamos a lectura e comentario de Lúa do Senegal e acordamos que o seguinte faladoiro será o martes 19 de xaneiro de 2010 ás 18.00 h. O lugar, como de costume é a Cafetaría da EOI de Vigo.

Para este novo ano iniciamos unha segunda liña de lecturas. Á parte, entón, da lectura de autores actuais teremos esta segunda liña que consiste en irmos lendo obras da nosa literatura doutras épocas.

Por tanto, as seguintes lecturas van ser:

a) Amor de tango de María Xosé Queizán (Xerais)

Conseguide, se podedes, a última edición, xa que foi revisada e mellorada no aspecto lingüístico.

Para esta próxima tertulia traeremos lido até a páxina 60. (ollo, pola edición do 2007). Son as 3 primeiras partes. Até onde di: “o home por excelencia era o seu pai”.


b) Dentro do obxectivo do coñecemento da nosa historia literaria, qué mellor que comezar co primeiro título importante da nosa literatura: Cantares Gallegos (1863).

Este libro de Rosalía de Castro supón entre outras moitas cousas, o nacemento da nosa literatura moderna. Hai nel unha reivindicación da nosa terra, da nosa lingua e do noso pobo, e, nomeadamente, das súas camadas populares.

As edicións recomendadas por Anxo Angueira son:

A de Galaxia, feita por María Xesús Lama
A de Xerais, feita por Xavier R. Baixeras.


Para esta vindeira tertulia ordenamos de ler o prólogo e o poema que comeza “Adiós ríos, adiós fontes” de Cantares Gallegos.

Centrarémonos só nalgúns poemas deica o final do curso, mais quen quixer ler o poemario enteiro, mellor, e esa é a nosa recomendación.

A previsión é que en maio teñamos unha conferencia-coloquio de Anxo Angueira, un recital poético (do alumnado) e unha excursión a algúns dos lugares onde viviu Rosalía. Agardamos a participación de todo o alumnado.


Agora pode ser un bo momento para vos sumardes ao noso club de lectura
e para participardes nel.


Un bo ano 2010 para tod@s!!!

1 comentario:

carmene dijo...

Hoxe ou mañán, ¿quen pode decir cando?
Pero quisais moi logo,
viranme a despertar, i en vez dun vivo,
atoparán un morto.

Ó rededor de min levantaranse
xemidos dolorosos,
aies de angustia, choros dos meus fillos,
dos meus filliños orfos.

I eu sin calor, sin movemento, fría,
muda, insensibre a todo
así estarei cal me deixare a morte
ó helarme co seu sopro.

E para sempre iadios, canto eu quería!
¡Que terrible abandono!
Antre cantos sarcasmos
hai, ha de haber e houbo,
non vin ningún que abata máis os vivos
que o da humilde quietú dun corpo morto.