4/2/09


Saúdos a todos, amigas e amigos!

O 26 de xaneiro pasado conversamos sobre O paso do noroeste e acordamos volvernos a ver o luns 9 de febreiro (17.15). Falaremos sobre esta novela até o capítulo 4 (incluído).

Lembrade que rebautizamos algúns personaxes. Estes son:

Jean-Christophe de Simonet, barón de Duchesnoy (o capitán, o que conta a historia): Cristovo
Jean-Hugues Cubin d’Spinel (o protexido do capitán): O Xoanciño
Jean-Batista de Lille et Mirabeau (o científico, o físico de Súa Maxestade): Bautista

A vinda de Anxos Sumai será o 2 de marzo. Ide preparando preguntas.

Pois a viaxar polo Atántico Norte e coidadiño co Sr. Inverno.

Até loguiño

"Así nacen as baleas", conflito xeracional


Así nacen as baleas é unha viaxe a través do tempo, unha crónica reflexiva redactada en primeira persoa sobre distintos períodos da vida. Un retrato íntimo e persoal; un extenso monólogo no que se pode adiviñar que a protagonista é unha extensión do pensamento da autora. É a historia dunha familia onde se reflicten os conflitos xeracionais por mor dos roles instituídos por adiantado. Unha metáfora irónica sobre o papel que xogan os cartos na vida e nas reivindicacións persoais. Un relato escrito nunha linguaxe directa, adobiada cun erotismo atrevido no que a escritora aborda un tema tabú como son as relacións incestuosas. Unha historia ateigada de vida, de traxedia, de amor, de odio, e asemade, de simples aventuras amorosas. Literatura fresca de indiscutible calidade na que o lector pasa a ser protagonista directo do contexto.
JJ. Armando Soto M.

2/2/09

"Así nacen as baleas", os segredos


Así nacen as baleas é unha novela de sentimentos, de silencios e pensamentos agochados no máis profundo da alma. Os seus personaxes están ancorados no pasado dunha historia familiar que levan ás costas coma se fose unha pesada carga que non son capaces de deixar atrás. O lector vai desvelando pouco a pouco os segredos apenas insinuados dende as primeiras páxinas mediante unha linguaxe sinxela pero rica en matices e imaxes sorprendentes para transmitir as sensacións vividas por unha Nena á que lle foi arrebatada a infancia pero que conserva na súa memoria recordos que o lector percibe a través dos seus ollos infantís.
A descrición de obxectos tan cotiáns como un funil transfórmase nun exercicio literario e mesmo parece que poden chegar a cobrar vida nas mans dos dous protagonistas, Ramón e a Nena. Cómpre lermos o libro devagar, saboreando cada palabra e cada metáfora, perdéndonos no relato para logo volver atopar o fío condutor ata chegar a un final aberto a múltiples posibilidades que non dá solucións pero deixa entrever unha certa complicidade só posible cando cadaquén é dono do seu destino.
Sonia García Pérez

30/1/09

"Así nacen as baleas", o xeo emocional


O libro ten unha lectura doada de comprender no vocabulario mais un chisco retorta no argumento ao comezo da narración.
A escritora, para contar as vidas dunha familia e o seu xeo emocional, recorre a xogar cos tempos a través da historia. Converte a vida dos personaxes nunha mostra das frustracións do ser humano, cando as dificultades son acolleitas como xeradoras de afastamento familiar, facendo que se sintan illados aínda na presenza dos outros.
As frustracións: dunha muller, que pariu pero non foi nai; doutra, que viviu a maternidade allea; da muller, que sente un baleiro no seu útero sen vida; dunha filla, que nunca o foi; a duns homes, que só fan sombra cara á outra beira da vida.
Só un personaxe sae libre dela, o fillo no seu mundo cetáceo, o desacougo e o que os demais senten ao ver.
Gozo moito no club de lectura, o feito de comparti-lo lido con varias mentes pensantes e cada unha do seu pai, é moi gratificante.

Chelo Fontán Carrera

29/1/09

"Así nacen as baleas", a historia dun retorno


Así nacen as baleas é unha desas novelas nas que os seus personaxes e as súas vidas son totalmente cribles. É a historia dun retorno, dunha volta á casa non desexada...
A protagonista, unha rapaza nova, é quen tece a historia. Cun ton íntimo vai mesturando as lembranzas da súa nenez coas vivencias actuais, e agás na relación co seu irmán, en todas as demais relacións predominan uns sentimentos cunha forte carga de amargura, de dor, de soidade, de ausencias, de falta de cariño. É unha historia na que por uns ou outros motivos, ningún dos seus personaxes consegue ser feliz, xa que todos eles están condicionados por algo ou por alguén.
A linguaxe do libro resultoume sinxela e o seu desenvolvemento interesante, pero o seu final, ao menos para min, bastante previsible.

Liliana González Mejuto

28/1/09

"Así nacen as Baleas", comentario


O libro gustoume, pero entendino moito máis despois que o lin dúas veces.
Os personaxes son xente que non puido facer na vida o que quixera, senón que dende que naceu xa tiña a súa vida organizada. Isto vémolo ó longo do libro.
A protagonista é unha muller que nunca foi querida pola súa nai, e iso vémolo no seus sentimentos cara ós demais. Ela cando deixa un lugar esquécese de todo o que tiña alí. Non sente amor por ninguén, só sentiu cariño polo seu irmán morto, Ramón. Eu penso que ela é así porque non recibiu o amor da súa nai, e sempre mirou que a nai quería ó seu irmán e non a ela.
A nai é unha muller que sufriu moito na súa vida, casou pero nunca foi feliz porque o seu home estaba lonxe, tivo un fillo enfermo, que foi a razón da súa vida, e mirou como morría diante dela. Eu penso que toda a súa enfermidade de agora é polo seu sufrimento anterior, porque ela é unha muller intelixente, se non ela non tería tantas tendas polas cidades, pois ten ollo para os negocios, algo que o seu irmán non ten.
Ramón, “o fillo enfermo”, ten un corazón grande como unha balea, pero el dáse conta das cousas que pasan ó seu arredor. Cando a nai di: “temos un gran, bonito, fodido problema” el sabe que fala del. A súa irmá foi concibida para coidalo o día que morrese a nai, e quizais a súa morte foi unha liberación para a protagonista. Cándido, “o tío”, era un home que non tiña carácter, el aceptou a súa vida, aínda que moitas veces el dicía que era mellor que se embarcase de novo, quizais se sente agora frustrado na súa vida, e espera poder cambiala cando a irmá morra e venda todas as tendas.
O que vemos ó final do libro é que queda a esperanza nos protagonistas de poder vivir a vida como quixesen, a nai presenta un carácter máis doce, o irmán pensa poder dedicarse á horta que ten, a filla poder seguir estudando as baleas, e ter unha mellor relación coa súa nai.

Marta Fernández

27/1/09

Comentario a "Así nacen as baleas"


Así nacen as baleas narra a historia dunha familia marcada por unha vida predestinada desde o nacemento. É unha fermosa novela que afonda nas emocións e nos sentimentos dunha familia acomodada .

Narrada cunha extraordinaria sensibilidade, a autora consegue, sen caer no dramatismo, transmitir o conformismo e os condicionamentos sociais dos que son vítimas.

Utiliza a imaxe duns mamíferos, as baleas, e o medio en que se desenvolven, como unha alegoría da liberación do sufrimento.Un medio acuático pracenteiro que está no ventre das baleas e que fóra, afoga e libera.

Nélida Casal Díaz