8/6/09

Club de galego - "Ollos de auga"


É unha novela moi doada de ler, utiliza unhas expresións intelixentes mais non rebuscadas.

A historia vaite levando aos adentros nas indagacións feitas pola policía. representada por unhas personaxes cando menos orixinais 'cada un da súa nai'.

Xa ao comezo, debullei no meu maxín as posibilidades do porqué dun asasinato dese xeito. O primeiro que chegou á miña mente foi que tiña que ser por unha xenreira moi fonda, non era un asasinato, era unha vinganza.

Sería unha muller?, ¿o home coa súa condición sexual estaría a xogar cos sentimentos dunha tola que non puido engulir que 'aquilo' fose flor e tinteiro?, e nun arrouto de loucura, ¿argallou aquel sen sentido para acada-la morte de alguén?

O interesante é como comezan a xurdi-las certezas preñadas de dúbidas de ¿quén foi?

Como fío condutor da novela está o noso ser, o noso xeito de ve-la vida, a nosa retranca, a maxia que nos fai peculiares como galegos.

Moitas grazas polos anacos de entretemento e, xaora, polos anacos de incerteza.

De volta grazas, Leo, vémonos na 'Praia dos afogados'.

Abur.

Chelo Fontán Carrera

Vigo,12 de maio de 2009